TERRAS DE VILARDEBÓS

 

Os achados prehistóricos habidos na zona remontan o seu habitat a lonxanos tempos do Cuaternário. Cerámicas e vasos campaniformes teñen aparecido perto de Flor de Rei Vello e, unha ampla zona que abranxe Soutochao, Lamardeite, Feilas, A Fraira e outros pobos, localizáronse necrópoles do Megalítico. Cuevillas tirou a luz várias mámoas nunha longa extensión que vai de Soutochao, Lamardeite, Salto do Cabalo, Pedra dos Lobos, Vilardebós, Portela da Fraira e Serra de Feilas até Fontefría. Da época do Bronce son escasos os achados sendo a posterior Idade do Ferro a que amosa unha gran poboación asentada nos castros. Entre os catalogados destacan os de Flor de Rei, A Cidadela e Castelo da Pena. Desta mesma época localizouse un exemplar de verraco (cabeza pétrea de animal) do que a sua destrucción impediu un estudo máis exhaustivo desta cultura na zona. Xa na Romanización, son moi numerosos os vestixios localizados: calzadas (aqua flavia-Astúrica), moedas, cistas, minas e materiais de construcción diversos achados nos castros. As lápidas funerárias e sepulcros antropoides descubertos mereceron a atención e o estudo de Marcelo Macías, Cuevillas e Taboada Chivite quenes deduciron a sua procedencia dos primerios tempos da dominación romana.

Na Alta Idade Media aparece este territorio incluido na xurisdicción de Baroncelli pertenecente ao Mosteiro de Celanova. Abranxia daquela un amplo território que ía desde Monterrei até A Sanabria. Como arcedianato perduraria dependendo no relixioso e até épocas recentes, da Catedral de Ourense. No ano 950 estaban rexentadas estas terras polos condes don Rodrigo e don Suero e o topónimo Baroncelli aparece en numerosos priviléxios de couto. Ainda na actualidade pervive como apelativo do pobo de Santa Comba e dun afluinte do río Mente. Coa desmembración destas terras do Mosteiro de Celanova pasa a se dominar xurisdicción de Souto Bermud ou Vermui aludindo a un posesor deste nome.

No 1369 o rei don Enrique de Castela concede estas terras a Juan Rodríguez de Biedma quen ó entroncar posteriormente con Condado de Monterrei engadiría este territorio ó xa mesto que poseían os condes.

Nun apeo en Berrande no 1380 poden distinguirse algúns dos nomes que aínda hoxe perduran na toponimia da zona: Arzádegos, Varoncelle, Vilarelli, Moimenta, Edral, Esculqueira e outros. Tamén durante a idade Média consta o establecimento na zona da Orde de San Xoán de Quiróga que dominaba os lugares de Osoño, Devesa, Bustelo, Hospital, Trasiglesia, Fraira que aluden no seu nome á devandita Comunidade relixiosa. Un investigador alemán supuxo que as minas de Vilar de Cervos explotadas xa polos romanos, fosen traballadas nesta época pola orde de San Xoán. Moitas destas vilas foron repoboadas nestes tempos e Vilardebós medrou a partir de aquí a sombra do Castelo da Pena polo que andiveron en pleito o conde Fernando de Andrade (da Casa de Lemos) e o antedito Rodríguez de Biedma. Durante os séculos posteriores e até os comenzos do XIX esta xurisdicción denominouse de Souto Bermud comprendendo o que aproximadamente son hoxe os concellos de O Riós e Vilardebós. Sen dúbida o alonxamento das rotas terrestres foi a causa do aillamento destas terras de Vilardebós, privándoas do natural despegue económico e poboacional que se deu nas próximas á estrada de Castela.

A inexistencia nestas terras de plazas de valor estratéxico evitou que a longa guerra con Portugal apenas tivera repercusións graves a pesar de estar fronteiriza con aquel país. Durante a invasión francesa e ocupando os franceses do Soult o Val de Monterrei, partidas de paisanos desta zona acosaron aos invasores desde as estribacións montañosas que rodean ao Val librándose escaramuzas en Abedes e Pozo do Demo. A partir do 1820 Vilardebós e O Riós constitúense en concellos pasando a seren ambas localidades centros administrativos de cada zona. No 1850 Vilardebós tiña 101 veciños e 404 almas na maioría adicados ós labores agrícolas e gandeiros.

Xa en época máis recente, Vilardebós tentou de sair do secular aillamento coa construcción da estrada Verín-Braganza e coa explotación mineira da zona, proxectos ambos que xamais se viron realizados, a pesar da teimosa loita que homes como Manuel Núñez ou Eloi Luis André levaron no seu tempo. A un deles se deba quizais a elaboración do escudo do concello que estivo vixente até os anos trinta no que foi suprimido. Levaba por armas este escudo un guerreiro armado con lanza e escudo que deducimos representara aos interámnicos considerados nas primerias investigacións de Marcelo Macías como habitantes deste territorio. Na actualidade Vilardebós segue a ser unha vila dependente na sua riqueza, do campo e da gandeiría, cun crecimiento pequeño debido sobretodo á falla de comunicacións axeitadas aos nosos tempos. O estudo das posibilidades mineiras da zona, a creación de explotacións agropecuarias e a construcción da prolongación da vía de comunicación co norte portugués poderían ser algúns dos factores que aceleraran o desenvolvemento de toda a comarca na consecución de melloras de vida para os seus habitantes.